Saturday 18 de May de 2024

Lousame acolle este domingo un recital poético dramatizado sobre Manuel María interpretado pola Tertulia Literaria Tapal de Noia


“Homenaxe a Manuel María, poeta da Terra Chá” está dirixido por Ana Blanco e terá lugar na Casa da Cultura “Santeiros de chave” este domingo 8 de maio, ás 20:00 horas

O auditorio da Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame acollerá este domingo 8 de maio, a partir das 20:00 horas, un recital poético dramatizado sobre Manuel María, poeta a quen están dedicadas as Letras Galegas 2016. Baixo o título “Homenaxe a Manuel María, poeta da Terra Chá”, os integrantes da Tertulia Literaria Tapal de Noia ofrecerán un espectáculo para todos os públicos guionizado e dirixido por Ana Blanco, membro da Fundación Rosalía de Castro.

Sobre o escenario do auditorio da Casa da Cultura lousamiana haberá fotos e cadros tanto de Manuel María como de persoas ou lugares importantes na súa vida, que darán pé a que todos os integrantes da Tertulia Literaria Tapal de Noia interpreten, ben en solitario ben en grupo, ata quince poemas, tanto do poeta da Terra Chá como doutras figuras como Rosalía de Castro, Avilés de Taramancos, María Mariño ou Ana Romaní.

Así, o recital comezará e rematará con sendas interpretacións conxuntas de dous poemas de Manuel María: “Galicia”, pertencente a “Os soños na gaiola”, e “Mensaxe a Manuel Curros Enríquez”, de “Remol”. Do poeta da Terra Chá tamén se dramatizarán outros catro poemas: “Verbas para miña nai” (do libro “Mar Maior”), “Canción para lle decir a Saleta” (de “Lusco e fusco”), “Canto ó idioma galego” (de “Cantos Rodados”) e “Anceio”. Completarán a oferta pezas de Avilés de Taramancos (“Chamo á porta do amor”, “Bébote meu amor”, “É hora da luz” e “Convocatoria”), de Rosalía de Castro (con dous poemas de “Cantares gallegos”: “Castellanos de Castilla” e “Que ten o mozo?”), de María Mariño (“Son a chuvia” e “Atopeiche”) e de Ana Romaní (“Love me tender”).

Este recital poético dramatizado está organizado pola Concellería de Cultura de Lousame, dentro do seu programa de conmemoración das Letras Galegas 2016, que comezou o pasado 23 de abril con “Manuel María na túa voz”, unha homenaxe na que os veciños e veciñas de Lousame participaron ben lendo un texto do autor ben escoitando a quen o lera.